Bieito Rubido afirma ao recibir o Bernal que “o xornalismo seguirá sendo unha gran oportunidade” ozonoadmin Xaneiro 24, 2018

Bieito Rubido afirma ao recibir o Bernal que “o xornalismo seguirá sendo unha gran oportunidade”

O director de El Progreso, Lois Caeiro, que fixo a laudatio, afirma que o galardoado “é un señor de Cedeira que ten a súa patria en todo o mundo”

O director do xornal ABC, Bieito Rubido, recoñecido co Premio Diego Bernal 2018, que concede a Asociación de Periodistas de Galicia, sinalou este xoves, na entrega dese galardón, que o oficio ao que consagra a súa “seguirá sendo unha gran oportunidade para a sociedad en tódolos sentidos” e que é un enorme contrapoder.
No acto, que tivo lugar na capital galega e no que recibiu a distinción de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da APG, Arturo Maneiro, Rubido fixo unha encendida defensa da profesión e indicou que, cada vez que pecha un medio informativo, a liberdade de expresión sofre unha “ferida de morte”.

Xefes, compañeiros e mestres
O premiado fixo gala da súa entrega á palabra ao lembrar os seus inicios en Cedeira, en O Beco (un campo de fútbol), e lembrou a todos os seus xefes e compañeiros que se encontrou polo camiño e que lle axudaron a ser o profesional que é na actualidade.
Entre os citados por Rubido, Eugenio Pontón, Juan María Gallego Tato, David Corral, Arturo Lezcano, David Cheda, Enrique de Arce ou Armando Fernández, dedicando unha especial referencia a este último (xa finado), ao que considera un dos mellores xornalistas, un gran coñecedor da condición humana, e un ser “inxustamente esquecido”. Por iso, decidiu compartir o seu premio con el, nunha sorte de xesto simbólico, que tamén tivo, polo seu tesón, co director do Grupo Correo Gallego, José Manuel Rey Novoa, presente entre os convidados.

Tampouco se esqueceu de Juan Ramón Díaz, “un gran filósofo”, sinalou, e “un home extraordinario dentro dunha apariencia de normalidade e de serenidade nas formas”; de Manuel Martín Ferrand, “o máis global e completo que eu coñecin”; de Jorge del Corral, autor da reflexión de que o xornalismo é unha dedicación que paga a pena ser vivida; e de José Manuel Vargas, por ser a súa ligazón con Vocento.
“Un non fai carreira, se non vai atopando polo camiño” a xente como a citada, observou Rubido, que así mesmo quixo rememorar a figura de Diego Bernal, o xornalista que da nome a este galardón. Del destacou a súa bonhomía e a facilidade que poseía á hora de encontrar sempre a expresión adecuada.
“Eu son director de ABC gracias a todos”, engadiu, e malia que a vanidade sempre adoita ir aparellada a este traballo, o galardoado subliñou que a gratitude vai unida á humildade, e esta está vixente.

Laudatio de Lois Caeiro
O director de El Progreso, Lois Caeiro, encargado dunha laudatio que emocionou ao premiado, preguntouse cando durme Rubido, unha cuestión para a que non ten resposta, pero que se formula el a diario nas máquinas do xinasio ao que acude co fin de “non entumecerse de vello”.

“Nunca tivo tempo de aburrirse”, afirmou ao detallar o extenso currículo “dun señor de Cedeira que, como bó galego, ten a súa patria en todo o mundo”, un home “listo e traballador”, que posúe un “carreirón”.
Para Caeiro, se xa é un mérito chegar a un posto como o que ocupa, “maior o é manterse” e dar a un xornal “calidade e prestixio”, ao que engadiu que se trata ademais dun compañeiro que é “un bó comunicador” profesional e un “ameno conversador” en xeral.
Núñez Feijóo: “embaixador da mellor tradición de Galicia”
Na clausura, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, sinalou que o xornalismo e a democracia son seres vivos, lamentando o intento de crear “medios de incomunicación”, que xamais acabarán co bó facer.
Destacou tamén a mistura de audacia e de modestia de Rubido, que acuñou o termo de xornalista “madrigalego”, que “case é un xénero en si mesmo”. E asegurou que o galardoado co Bernal deste ano é un cronista completo, de radio, televisión, e prensa local, autonómica e nacional, aparte dun “embaixador” da mellor tradición de Galicia. Unha terra “de afectos”, concluiu, “na que non se levantan muros que destrúen, porque non existe pensamento único sobre nada” e onde non se ve ao veciño “como un enimigo”, en clara alusión á cuestión catalá.
Por último, o presidente da Asociación de Periodistas de Galicia, Arturo Maneiro, loou a Rubido, ao que dedicou unhas concisas, pero emotivas palabras, rememorando tamén a tódolos colegas que, desgraciadamente, xa non están.