Homenaxe póstuma a Pitis ozonoadmin Outubro 14, 2017

Homenaxe póstuma a Pitis

A APG promoveu unha homenaxe a Luis López Salgado, Pitis, en Ourense.

A APG organizou o 14 de outubro de 2017 un acto de homenaxe ao recentemente finado xornalista de La Región Luís López Salgado, Pitis, no paque A Ribeiriña, no barrio ourensán de A Ponte, no que naceu Pitis. O acto consistiu na colocación dunha placa por parte do Concello ao pé dunha árbore plantada para esta homenaxe.

A súa traxectoria profesional como xornalista, como promotor e mesmo como vendedor de ideas e de espazos en La Región Internacional acredítanlle suficientemente como merecedor desta homenaxe por parte da cidade de Ourense, y dese xeito foi entendido polo Concello da cidade.

No descubrimento da placa participaron xunto co alcalde ourensán, o presidente do Parlamento de Galicia, que asistiu a título persoal, os fillos de Pitis e o presidente da APG, como asociación promotora do acto.

Ao acto asistiron numerosos amigos e veciños, xunto con profesionais dos medios de comunicación de Ourense, parte da Directiva da APG, así como o director de La Región e outros compañeiros dese xornal.

O presidente da Asociación de Periodistas de Galicia, Arturo Maneiro, que agradeceu as “facilidades” dadas polo Concello para “ter un recordo de Pitis no seu barrio; un home que levou Ourense polo mundo, un motor de ideas”. Agradeceu tamén o traballo de La Región.

O presidente da APG tamén afirmou que “dende o punto de vista profesional, os xornalistas consideramos moi meritorio ter sido un motor de ideas que acaban favorecendo o exercicio do xornalismo. Cremos que é tan importante contar con medios axeitados e boas empresas, como é importante contar con bós xornalistas que estean ao servizo da verdade”.

“Por esta razón”, engadiu Maneiro, “na homenaxe a Pitis queremos facer tamén unha homenaxe ou recordo para aqueles xornalistas que están levando a cabo o seu labor con dificultades económicas, sociais e profesionais”. “E tamén cremos que debemos ter un gran recoñecemento aos medios de comunicación que loitan por seguir facendo un servizo á sociedade, en medio de grandes dificultades económicas e estruturais”.

O xornalista Lalo Pavón destacou na semblanza que “o difícil de condensar a traxectoria” dun home “moi popular ao que o recoñecemento non lle chegou a tempo, pero tampouco tarde”. O seu carácter “bó, xeneroso e amable” foi enxalzado por Pavón, contrapoñendo tamén “o seu desorde ou vehemencia” en outras ocasións. “Tiña unha capacidade enorme para relacionarse, e aceptou o encargo de José Luis Outeiriño en 1966 en corpo e alma”, dixo Pavón.

O director de La Región, Xosé Pastoriza, malia non “ter a sorte de habelo coñecido”, desvelou a “pegada indeleble” que deixou no xornal “cunha obra precursora”.

Antonio Rodríguez Miranda, responsable do Goberno galego en materia de Emigración, valorou o feito de que Pitís, da man de La Región Internacional, traballase na “conexión entre dúas emigracións -a de Europa e a de América- ata aquel momento desconectadas”, algo polo que expresou “o seu máis profundo agradecemento”.

Chegaba a quenda para un dos fillos de López Salgado, Santiago, que non era quen de agochar a emoción polas palabras e lembranzas das intervencións anteriores. O vástago do xornalista trouxo a colación recordos da súa infancia, cando paseaba e xogaba nas ribeiras do Miño co seu pai. “Isto é das cousas máis emocionantes da miña vida… o único malo é que el non poida estar aquí”, dixo.

O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, identificou a Pitis “como un home sen fronteiras, que levou sempre a identidade por bandeira, divulgando a preocupación da emigración, máis que calquera institución da época”. O rexedor enxalzou o carácter dun “pontino de pro” e a súa “liberdade de espírito”.