Ánxel Vence apela á liberdade na recepción do Alvite 2017 en Vigo ozonoadmin Maio 3, 2017

Ánxel Vence apela á liberdade na recepción do Alvite 2017 en Vigo

O galardoado afirma que “a liberdade de pensamento nin se crea, nin se destrúe, so cambia de formato”

O ex subdirector e articulista de Faro de Vigo, Ánxel Vence, recibiu o Premio de José Luis Alvite 2017, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), e o recolleu nun acto que tivo lugar no Centro Social de Afundación en Vigo, con palabras de lebranza ao que dá nome ao premio, que foi o seu colega e coetáneo, tamén no espazo das páxinas de opinión do xornal decano.

“Alvite era un mestre do epigrama, un tuitero antes do tuit, con esa asombrosa capacidade de resumir nunha liña tres ou catro ideas, que caen como un raio, cunha metáfora brillante”, asegurou o autor de Crónicas galantes con talante irónico. Tamén destacou a coincidencia dos seus artigos durante uns anos na publicación dominical de Faro con El manicomio de Alvite.

No seu discurso, Vence tornouse serio para criticar a situación actual do xornalismo, que tildou dende “momento de incertidume total” a “situación bastante desesperada”. Pero o broche da súa intervención abriu un titular ao optimismo, malia que se recoñeceu inxenuo por iso: “creo que a liberdade de pensamento é como a materia, que nin se crea, nin se destrúe, so cambia de formato; así que, probablemente, sigamos dándolle voz á xente, aínda que sexa noutro envoltorio”. “Máis pronto que tarde vai trunfar a liberdade de opinión”, zanxou. Pero facendo gala da retranca habitual nas súas columnas, Vence chegou ao estrado bromeando sobre a “boa necrolóxica” que realizaran, en relación ao repaso da súa biografía xornalística, María Méndez e Javier García, directivos da APG. E tamén ao feito de que o galardón non teña dotación económica.

A colación de que a APG fixese coincidir o acto de entrega do Alvite co Día Mundial da Liberdade de Prensa, Vence criticou que “o comandante en xefe do mundo” -en alusión a Donald Trump-, “diga que os xornalistas son as persoas máis deshonestas do mundo” e censurou tamén que o primeiro enfrontamento público do máximo mandatario de EE UU, fose coa prensa. “Ao poder nunca lle gustou demasiado que houbese crítica”, asegurou o columnista. “Jefferson dicía que prefería xornais sen Goberno, que gobernos sen xornal; agora está sucedendo xusto o contrario; Trump quere vivir sen medios de comunicación ou, acaso, so coa Fox”.

Ademais, tivo palabras de agradecemento para as autoridades presentes no evento de entrega do galardón -o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero-, así como para a empresa editora de Faro, Prensa Ibérica, antes de recibir o premio de mans do presidente da APG, Arturo Maneiro.

Abel Caballero tomou a palabra ao remate do acto e asegurou que “hai xornalistas que nos facedes reflexionar e influídes”, ao tempo que calificou como “moi merecido” o premio para Vence, cuxa columna follea habitualmente. O alcalde vigués aproveitou para lembrar unha anécdota. Foi o día que coñeceu a Ánxel Vence en Santiago. Corría o ano 1986, el era ministro de Transportes e estaba nunha presentación electoral do PSOE. Aquel xornalista preguntoulle “cal era a diferencia do seu programa co de Alianza Popular”. “Quedou grabado na miña memoria”, asegurou o rexedor.

Previamente interviu a xefa de Opinión do xornal El Mundo, Lucía Méndez, que celebrou que o premio honre ao xornalismo “en tempos de alboroto”. Méndez realizou unha análise da situación actual dos medios de comunicación, co auxe das redes sociais e nunha sociedade que “le os xornais no teléfono móbil”.

A Xunta Directiva da APG acordou no pasado mes de abril outorgar por unanimidade a Vence o Premio José Luis Alvite, na súa segunda edición, valorando de xeito especial “o indudable prestixio profesional acadado ao longo da súa dilatada traxectoria como columnista de opinión”.