Fernando Salgado recibe emocionado o Premio Diego Bernal 2017 ozonoadmin Xaneiro 24, 2017

Fernando Salgado recibe emocionado o Premio Diego Bernal 2017

“Non é un premio calquera pola mostra de cariño que supón por parte dos meus compañeiros de profesión; con eles teño unha débeda impagable”, afirmou Salgado no acto de recepción do galardón

O veterano xornalista Fernando Salgado recibiu hoxe o Premio Diego Bernal 2017, que concede a Asociación de Periodistas de Galicia, como recompensa á súa dilatada vida no mundo do xornalismo e da política. Salgado, outrora director do xornal El Progreso e da edición luguesa de La Voz de Galicia, compaxinou a súa traxectoria profesional coa súa carreira política, na que chegou ser deputado no Parlamento galego e secretario xeral de Comunicación durante a etapa de Emilio Pérez Touriño ao fronte do Goberno bipartito da Xunta.
O galardoado recibiu o seu premio de mans do presidente da Asociación de Periodistas de Galicia, Arturo Maneiro, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Os xornalistas, “un exército decimado polas baixas e o desemprego”
No seu discurso de agradecemento, Salgado asegurou que este “non é un premio calquera”, senón que colma a súa “vanidade” pola mostra expresa de cariño que supón por parte dos seus compañeiros de profesión, cos que adquire -afirmou- unha “débeda impagable”. “Sempre me vai parecer cedo para retirarme”, asegurou, antes de facer unha crítica aos constantes ataques proferidos contra os xornalistas polo recén elixido presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, cuxa toma de posesión prodúcelle “un certo calafrío”.
O premiado considera que, no momento presente, os xornalistas son un “exército pequeno e desarmado”, decimado “polas baixas e o desemprego”, que ten que facer fronte a un “fin de ciclo”, que ameaza con terminar co paradigma actual.
Con todo, afirma que aínda existe esperanza e que “o bó xornalismo segue sendo necesario” para ter “liberdade” e “democracia” plenas, polo que animou ao sector a facer fronte ás críticas e traballar duro para superala complicada situación que atravesa.

Núñez Feijóo: “sen xornalismo de calidade, non hai controis”
Este mesmo asunto foi abordado no seu discurso polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargado de pechar a entrega de premios.
O mandatario autonómico, no día da conmemoración de San Fernando de Sales, patrón dos xornalistas, instou a eses profesionais a exercer a súa función como cuarto poder na sociedade e a deixar atrás os seus “intentos” de “suplantar” aos outros tres poderes: lexislativo, executivo e xudicial.
“Sen xornalismo de calidade non hai controis”, razonou Núñez Feijóo, que instou a este gremio a “contar e relatar o que hai” e o que ocorre na sociedade, ademais de destacar a “paciencia” e “autocontrol” que ve necesaria no seu labor diario.
Sobre Trump, o xefe do Executivo galego ironizou con que “aínda non tivo moitas sesións parlamentarias”, se aínda sostén a súa afirmación de que os xornalistas son as persoas “máis deshonestas” que existen. Canto á figura do premiado, o titular da Xunta mencionou a súa relación persoal con el, cando todavía era un funcionario máis na Administración autonómica, e puxo de manifesto o relevo da súa figura no panorama galego durante os últimos anos.

X.R. Pousa: “Salgado é unha personalidade admirada e solvente por si mesma”

Da laudatio do premiado encargouse o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Pousa, que definiu a Salgado como unha “personalidade admirada e solvente por si mesma”, que recibe o premio a unha traxectoria “exemplar”, na que priman valores como a “humildade” ou a “laboriosidade”.
Con este galardón, Fernando Salgado sucede a Fernando Ónega no palmarés dunha distinción que xa recibiron tamén Camilo José Cela, Pepe Domingo Castaño ou José Luis Alvite, entre outros.