Xosé Luis Barreiro recibiu o primeiro premio José Luis Alvite da APG ozonoadmin Maio 20, 2016

Xosé Luis Barreiro recibiu o primeiro premio José Luis Alvite da APG

O galardoado resaltou as “presentes dificultades para gobernar a democracia, porque o sol está dándonos xustamente de fronte”

O politólogo e articulista pontevedrés Xosé Luis Barreiro Rivas, primeiro Premio José Luis Alvite de columnismo da APG, agradeceu hoxe esa distinción e amosou o seu agradecemento ao gremio de xornalistas, tras ter sido recoñecido por que nos seus textos proporciona “claves” para entender o contexto actual.

No seu discurso no acto de entrega do galardón, que tivo lugar na sede compostelá de Afundación, afirmou que os xornalistas “critican, explican e glosan a acción da política” pero que, no seu caso, a iso únese que, antes de criticar, foi criticado, e por esa razón agora non dubida en reclamar con fervor que os “practicantes” da política expliquen “que están facendo y por que” en todo momento.

Barreiro Rivas abundou no feito de que o xornalismo debería tomar certa distancia do feito político como tal e renunciar a cualificarse en determinadas ideas, ademais de evitar en tódolos casos que se produza a “incapacidade de distinguir entre explicación e persuasión”. “O risco de xerar unha demagoxia informativa é grave”, engadiu, alertando -tras citar varias veces ao seu admirado Aristóteles e as súas reflexións sobre a cegueira e o feito de non ver-, das presentes “dificultades para gobernar a democracia, porque o sol está dándonos xustamente de fronte”.

A Barreiro precedeulle o xornalista e comentarista da Cadena Cope Santiago González, cunha conferencia titulada “Un disparo en el Savoy”, que honrou a figura do comunicador José Luis Alvite, vítima do cancro, do que dixo, nunha emotiva lembranza, que “se despidiu ordenadamente do oficio e dos lectores”. “Era un bó home e un xenio; tiña ao morir 65 anos”, concluiu entre ovacións do público asistente.

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), presidida por Arturo Maneiro, aprobou por unanimidade concederlle o primeiro Premio Alvite a Barreiro, “atendendo á súa traxectoria como columnista na prensa galega ao longo de moitos anos”. “Pódeselle ler nas páxinas de La Voz de Galicia, onde analiza a realidade social e os acontecementos políticos con gran profundidade, aportando argumentos que axudan aos lectores a interpretar os acontecementos de forma completa”.

Trátase dun premio, que recoñece unha traxectoria como xerador de opinión, xa sexa na análise da actualidade ou da situación xeral de distintos ámbitos (político, económico, deportivo, cultural), referida a artigos publicados en prensa -en papel ou dixital- cunha determinada periodicidade. O premio está exento de dotación económica e consiste nunha estatuíña conmemorativa. Os actos de entrega dos Alvite, agás nesta primeira ocasión, terán lugar o 3 de maio, en coincidencia co Día Mundial da Liberdade de Prensa.