Fernando Ónega pide “recuperar a dignidade da prensa” e afirma que os xornalistas temos “o mellor oficio do mundo”
Fernando Ónega (Mosteiro-Pol, Lugo, 1947), premio Diego Bernal 2016 recolleu onte en Santiago este recoñecemento outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG). No acto afirmou que a “ansiedade de hoxe é recuperar a dignidade da prensa”. “Temos o mellor oficio do mundo”, abundou no seu discurso, e sinalou que o que máis agradece da entrega desta gran honra é que proceda dos seus compañeiros de profesión.
“Cando alguén leva 55 anos publicando, como é o meu caso, non pode ser tan malo que non teña algo de bó”, ironizou. Ademais, lamentou “que se caia no banal, na perda de credibilidade, no ensalzamento das naderías” e tamén recriminou a prioridade que se lle dá ao chamado xornalismo declarativo, máis que ao dos feitos propiamente.

“Teño un sono, que sexamos motores da transformación que este país necesita”, subliñou Ónega, e rememorou o espírito da Transición para apelar á necesidade de axudar “a facer país” dende os medios de comunicación e con “sentido común”.
Núñez Feijóo: “Este premio distingue a un profesional que seguimos necesitando”
Coa súa tese concordou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que recolleu a luva e convidou á “saída máis axeitada para a encrucillada na que estamos”, ademais de pedir que non se lle dediquen grandes espazos” á ignorancia”.
“A situación que está vivindo España é un fracaso dos políticos que estamos en activo”, aceptou, engadindo que os medios de comunicación seguen sendo claves, igual que na Transición, para “solventar a encrucillada do mellor xeito posible”. Parafraseando a obra de Ónega, “Podo prometer e prometo”, Feijóo sinalou que pode prometer e promete, e pode dicir y di, que “este premio distingue a un profesional que seguimos necesitando”.

Unha traxectoria de éxito en prensa, radio e televisión
Pola súa banda, Arturo Maneiro, o presidente da APG, dedicou unhas emotivas palabras de lembranza e homenaxe aos xornalistas, xa finados, José Luis Alvite e Nacho Mirás. A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal a Fernando Ónega, ao considerar que “superou sobradamente o cumprimento de tódolos requisitos, de historial profesional e perfil humano, que se consideran necesarios para merecer este recoñecemento”.
O Premio valora “a traxectoria dunha vida dedicada ao exercicio da profesión xornalística, que no seu caso é ampla e desenvólvese con recoñecido éxito en prensa, radio e televisión no eido de toda España, dando así unha gran proxección aos profesionais de Galicia”.