Lois Caeiro di na entrega do Bernal 2015 que este galardón supón para el “un novo impulso para seguir voando” ozonoadmin Xaneiro 23, 2015

Lois Caeiro di na entrega do Bernal 2015 que este galardón supón para el “un novo impulso para seguir voando”

Os xornalistas galegos renderon tributo a Lois Caeiro no acto de entrega do Premio Diego Bernal 2015 que concede a APG

O xornalista Luis Rodríguez García, máis coñecido como Lois Caeiro e director de El Progreso, recibiu onte o recoñecemento dos seus colegas de profesión durante a entrega do premio Diego Bernal 2015, unha cerimonia na que non faltaron referencias ao finado comunicador e escritor José Luis Alvite, Premio Diego Bernal na pasada edición.

Lembranza especial ao seu “amigo Diego Bernal

Caeiro, que recolleu o galardón de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), Arturo Maneiro, amosou o seu agradecemento por un premio que, dixo, “supón un novo impulso para seguir voando” e que o sitúa nunha lista que ata hoxe, sinalou coa súa habitual ironía, “era ilustre”. Dedicou unha lembranza especial a Diego Bernal, un “amigo” co que mantivo unha estreita relación, que sempre que o necesitou abriulle “un paraugas” para abrigarse da intemperie e co que compartiu magníficos momentos. Embargado pola emoción, o galardoado pronunciou un discurso repleto de humor e agradecementos a tódolos compañeiros e amigos cos que se foi atopando ao longo da súa traxectoria. “Dou as gracias a todos e digo que seguiré sendo xornalista”, concluiu.

“Alvite, Bernal e Caeiro, representantes do xornalismo comprometido da Transición”

Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a liberdade de expresión como “dereito irrenunciable”. Na súa alocución, o mandatario autonómico salientou o “carácter democrático” da liberdade de expresión, ao que se referiu como un dereito que “forma parte da civilización”. Nese senso, Feijóo lembrou ás vítimas dos atentados que sacudiron París hai dúas semanas e quixo expresar a súa solidariedade co pobo francés. O presidente galego tamén se refiriu a José Luis Alvite, galardoado na edición anterior e recentemente finado, de quen dixo que representou “o mellor do xornalismo” e que, xunto con el tamén desaparecido Diego Bernal, foi “o mellor xornalista que pareu Galicia e traballou toda a súa vida por dignificar a profesión”. Para Feijóo, Alvite, Bernal e Caeiro -o premiado deste ano co Bernal- representan o xornalismo comprometido que caracterizou aos profesionais durante a Transición.