Na súa emocionada semblanza do premiado, Castro afirmou que a Alvite “o xornalismo inundoulle e el terminou inundando o xornalismo de xenialidade e mestría”
A Asociación de Periodistas de Galicia entregou o Premio Diego Bernal 2014 ao veterano José Luís Alvite, nun acto no que participaron compañeiros de toda Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o da APG, Arturo Maneiro. José Luis Alvite non puido estar presente debido ao seu delicado estado de saúde, polo que a APG e a súa propia familia acordaron que o recollera no seu nome o xornalista de Onda Cero Ramón Castro, gran amigo do galardoado.
Arturo Maneiro, asegurou: “estamos convencidos de que José Luis houbese disfrutado moito neste acto, compartindo connosco a súa fina ironía e o seu peculiar facer xornalístico, compartindo cos seus amigos e coñecidos as súas experiencias vitais e profesionais”. “En calquera caso”, seguiu o presidente da APG, “so desexamos que esta entrega do Diego Bernal poida supoñerlle unha das mensaxes máis certeiras para avivar o seu sentido do humor e a súa fortaleza, nun momento da súa vida que todos desexamos poida superar co noso afecto e consideración”.
“Alvite busca a noticia na rúa e domina tódolos xéneros xornalísticos”
Ramón Castro fixo -con grande emoción-, unha semblanza de Alvite, destacando tanto a parte profesional, como a humana, que lle fan merecedor do Diego Bernal 2014. “É para mi unha honra, un privilexio que nunca podería ter soñado, falarlles esta mañá do meu compañeiro, do meu amigo, do meu confidente, do meu irmán José Luis Alvite, premio Diego Bernal 2014 que lle foi concedido pola APG, a quen agradezo con enorme emoción, asegúrollo, esa distinción…”. “Este maravilloso oficio do xornalismo”, engadiu Castro, “ten momentos máxicos e, por iso o de hoxe, é o máis bonito e un dos máis difíciles da miña vida…”.
“Teño nestes momentos a mesma emoción que o cariño co que desexo, con todo o meu corazón, que pronto se recupere e de novo volva a regalarnos ese derroche de inxenio, de xenialidade e de xornalismo…. e de envolvernos coas súas palabras que é quen de convertir nunha maravillosa expresión conmovedora….”, agregou.
“O xornalismo”, seguiu Castro, “está no ADN de José Luis Alvite polo seu avó Jesús, polo sei pai Pepe e tío Jesús os irmáns Rey Alvite… Alvite asegura que carece totalmente de espírito de clan, malia que coincidiu en El Correo Gallego co seu pai e o seu tío… o seu pai quixo que estudase outra carreira, pero o xornalismo inundoulle e Alvite terminou inundando o xornalismo de xenialidade e mestría”. “Alvite domina tódolos xéneros xornalísticos”, engadiu, “conformando grandes reportaxes e sendo un grandísimo entrevistador… articulista, cronista, editorialista e, polo tanto, o gran buscador da noticia na rúa Alvite busca a noticia na rúa, un xornalismo de gaceta… sen agardar a que chegue a noticia… un dos máis grandes…. un xenio único neste oficio”.
E resaltou a súa traxectoria profesional: “O xenial José Luis Alvite pasou por El Correo gallego, La Voz de Galicia, Diario 16, Prensa Ibérica, Faro de Vigo, La Opinión, La Razón e Onda cero, da man de Carlos Herrera, por quen profesa verdadeira devoción, admiración e agradecemento”. “Carlos Herrera asegura no prólogo de Historias del Savoy, que descubriu a Alvite pasando as follas do desaparecido Diario 16… fascinado ao ler unha colección de metáforas imposibles… e foi na súa procura”. “Alvite”, concluiu Castro, “síntese conmovido con este premio, porque di que xa non contaba con que en Galicia se lle considerase a este nivel; está moi emocionado e agradecido, asegúrollo; onte mesmo tiven a oportunidade de falar con José Luis e Carmen e transmitíanme toda a súa emoción e agradecemento”.
Núñez Feijóo: “o público necesita xornais e, estes, xornalistas”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que “o xornalismo fainos perdurables e permítenos dialogar co futuro”. “A Alvite chamóuselle cirurxán de almas; retrata o mundo de fóra e crea un mundo seu no que sempre se ve unha esperanza”, sinalou. O titular do Goberno galego asegurou que “o público necesita xornais e os xornais, evidentemente, necesitan xornalistas; a todos, aos que teñen renome pola súa sinatura, e aos anónimos”. “Os xornalistas comprometidos, camaleónicos, sensibles, escépticos, e algúns deles, bohemios… os máis bohemios son os mellores”, indicou, personificándolo en Alvite e en Bernal.
O presidente da Xunta confesou que ve “o futuro do xornalismo ligado, como sempre, á democracia” e contou que, por desgraza, non tivo ocasión de manter unha sólida amistade con Alvite, así como tampouco, conversacións longas.