Germán Castro “Man” recibiu o Diego Bernal 2013 apgadmin Xaneiro 24, 2013

Germán Castro “Man” recibiu o Diego Bernal 2013

“Este premio enorgulléceme, renóvame a autoestima e faime moi feliz”, dixo o ex director e fundador de “Diario de Ferrol” no acto de entrega

O xornalista ferrolán Germán Castro Tomé, máis coñecido como “Man”, ex director e fundador do xornal “Diario de Ferrol”, recolleu o Premio Diego Bernal 2013 da Asociación de Periodistas de Galicia, co que foi galardoado “en recoñecemento a toda a súa traxectoria profesional, comprometida coas inquedanzas sociais da cidade de Ferrol”.


Castro Tomé recibiu o Premio de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da APG, Arturo Maneiro, nun acto no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela no que se deron cita máis de 100 profesionais do sector de toda Galicia que, como xa é tradicional, coincidiu coa celebración do patrón dos xornalistas, San Francisco de Sales.
Antes de recoller o galardón, o seu colega Juan Barro realizou unha divertida e emotiva semblanza da longa traxectoria do premiado nesta decimoitava edición do Diego Bernal. Ao igual que na edición do ano pasado, no acto houbo un recoñecemento especial e unha mensaxe de solidariedade para os xornalistas que están sufrindo os efectos da crise económica.

“O xornalismo debe ser crítico e incómodo”
Na súa intervención de agradecemento, Castro Tomé afirmou que “sen xornalismo non hai democracia”, ao tempo que auguraba que “polo camiño que imos, as cousas non pintan nada ben”. En calquera caso, para o Diego Bernal de 2013, “o xornalismo debe ser crítico e incómodo”.
O galardoado mostrouse orgulloso de ter recibido o Premio Diego Bernal porque, asegurou, “enorgulléceme, renóvame a autoestima e faime moi feliz”. “Podo morrer tranquilo, pero deste remedio non botaré man ata última hora”, bromeou.

A APG concedeu este ano o Diego Bernal a Castro Tomé polo seu prestixio profesional e “por ter sido escola para moitos xornalistas que son testemuñas da súa pechada defensa da ética xornalística, o rigor e a procura da verdade, ao marxe das presións propias dos axentes sociais”.
Nas dezasete edicións anteriores, o Premio Diego Bernal da APG foi concedido a Pilar Cernuda (2012), Pepe Domingo Castaño (2011), Manuel Martín Ferrand (2010), Perfecto Conde (2009), Gerardo González Martín (2008), Blanca García Montenegro (2007), Ángel Botana (2006), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Juan Ramón Díaz (2004), José Manuel Rey Novoa (2003), Santiago Rey Fernández-La Torre (2003), el colectivo de periodistas vascos (2001), Manuel Fernández Areal (2000), Camilo José Cela (1999), Feliciano Barrera (1998), Pedro de Llano (1997) e Augusto Assía (1996).

“Gracias aos medios de comunicación, as personas pasan da existencia, á coexistencia”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o papel imprescindible do xornalismo para afrontar os retos que nos acucian, atopar solucións e involucrar á cidadanía. “Os retos que afrontamos precisan de solucións e requiren sociedades ben estruturadas. Son consciente de que hai boas políticas que poden fracasar se non consiguen involucrar á cidadanía. Facer política para o pobo e co pobo, reclama tamén xornalistas do pobo e co pobo, reclama canles que comuniquen á política co pobo, e ao pobo coa política. Esas canles están nas vosas mans”, afirmou en alusión aos xornalistas, “e precisamos máis que nunca que funcionen”.

Núñez Feijóo asegurou que o galardoado, Germán Castro, cumpliu sobradamente esa misión “difícil, imprescindible e fermosa”, como antes o fixera o propio Diego Bernal. “Ao igual que non concibo un porvir no que falte a boa política e os bós políticos, tampouco vexo solucións para os problemas que nos acucian sen a existencia do bó xornalismo e dos bós xornalistas. Se a política administra os asuntos públicos, o xornalismo segue sendo a voz dos mudos e o oído dos xordos. Se a política é a arte de adoptar decisións, o xornalismo é a arte de conformar vontades colectivas”, insistiu.

Así mesmo, precisou que gracias aos medios de comunicación, as persoas pasan da existencia á coexistencia. “O paso dun grupo de individuos illados a unha sociedade artellada, soamente é posible pola comunicación. Son os medios os que permiten que cada día o galego se recoñeza como galego”, sentenciu logo de referirse á comunicación como o sangue que corre polo sistema circulatorio dun país, que permite que os seus órganos se manteñan vivos.