O xefe de Deportes de COPE Galicia, Germán Dobarro, cualificou a Castaño como “un gran tipo, un compañeiro, un mestre, un xenio do micrófono e un comunicador por riba de todo”
O xornalista padronés Pepe Domingo Castaño, Premio Diego Bernal 2011 da APG en recoñecemento á sua “polifacética traxectoria e a súa achega ao mundo da comunicación”, recolleu o galardón de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da Asociación de Periodistas de Galicia, Arturo Maneiro, no decurso dun acto que tivo lugar nun hotel de Santiago de Compostela.
O xefe de Deportes de COPE Galicia, Germán Dobarro, foi o encargado de realizar a laudatio do premiado, de quen non so destacou as súas múltiples facetas profesionais (xornalista, escritor, cantante…), senón tamén, as personais. Expresións como “é un fóra de serie”, “un comunicador con maiúsculas”, “un gran tipo”, “un compañeiro” ou “un mestre”, intercaláronse nunha intervención na que Dobarro subliñou que “é un xenio do micrófono e un comunicador por riba de todo”, e que foi precedida pola de Arturo Maneiro.
“Concederllo a el incrementa o prestixio deste Premio”
O presidente da APG lembrou que o Premio Diego Bernal é “un galardón profesional a unha traxectoria” e afirmou: “na Asociación sentímonos honrados porque Pepe Domingo Castaño fora o homenaxeado xa que, concederllo a el nesta décimo sexta edición, incrementa o prestixio deste Premio”. Maneiro aproveitou para avanzar que, antes do verán, organizarán un congreso para analizar a situación do xornalismo en época de crise.

Intentar ser “unha boa persoa e un bó galego”
Na súa alocución tras recibir o Bernal, Pepe Domingo Castaño agradeceu este recoñecemento, fixo mención a diversas facetas da súa vida persoal e profesional, indicando que sempre buscou ser bó en cada unha delas -dende a de fillo, á de xornalista, pasando pola de bó amigo-, para concluír afirmando que en definitiva “o que quería ser é unha boa persoa e un bó galego”. Ao remate da súa intervención, Pepe Domingo leu un poema que escribiu en memoria de Diego Bernal, o que fora o seu amigo, e no que lembrou momentos que ambos compartiron xuntos.
Finalmente, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a súa presenza no acto responde “ao colectivo do galardón, non dende o punto de vista do que o recibe, senón de quen o concede, que é o pobo galego”. O presidente da Xunta destacou que o premiado reúne “os dous requisitos necesarios para estar á altura de Diego Bernal: exercer como o mellor de xornalista e de galego”. Núñez Feijóo tamén agradeceu a “conciencia crítica colectiva” e subliñou que “os grandes fitos da nosa autonomía non son concebibles sen os medios de comunicación”.

Con anterioridade a Pepe Domingo Castaño, o Premio Diego Bernal recaeu nas súas quince edicións previas en Manuel Martín Ferrand (2010), Perfecto Conde (2009), Gerardo González Martín (2008), Blanca García Montenegro (2007), Ángel Botana (2006), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Juan Ramón Díaz (2004), José Manuel Rey Novoa (2003), Santiago Rey Fernández-La Torre (2003), el colectivo de periodistas vascos (2001), Manuel Fernández Areal (2000), Camilo José Cela (1999), Feliciano Barrera (1998), Pedro de Llano (1997) e Augusto Assía (1996).
