Martín Ferrand recolleu o Bernal 2010 cunha alegación en prol da independencia e a liberdade de prensa apgadmin Febreiro 24, 2010

Martín Ferrand recolleu o Bernal 2010 cunha alegación en prol da independencia e a liberdade de prensa

O secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, comprometeuse coa procura de consensos para a elaboración das leis de publicidade institucional, do audiovisual e a reforma da CRTVG

O xornalista orixinario da Coruña Manuel Martín Ferrand recolleu hoxe en Santiago de Compostela o XV Premio Periodístico Diego Bernal 2010, que outorga a Asociación de Periodistas de Galicia, cunha alegación en prol da independencia e a liberdade xornalísticas.

Durante a súa alocución, na que repasou os seus primeiros pasos na profesión, na que leva 50 anos, Martín Ferrand lembrou a algúns dos seus “mestres” neste oficio, como Álvaro Cunqueiro ou Juan Beneyto. Ao seu xuízo, ao longo da súa traxectoria xornalística, tanto en prensa, como en radio e televisión, “as cousas non mudaron moito”, posto que os profesionais aínda continúan “coa batalla pendente” de reforzar e reconsiderar o que é a súa tarefa. “Existen os tiranos, porque previamente existen os esclavos”, concluiu o homenaxeado citando a Prisciliano.

O galardoado co Bernal na edición anterior, Perfecto Conde, foi o encargado de realizar a laudatio de Martín Ferrand, que repasou a súa longa andaina profesional e que destacou, entre outras cousas, que o premiado “inventou a nova radio española”.

Consenso nas reformas

Pola súa banda, o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, quen se confesou seguidor das columnas no xornal ABC de Martín Ferrand, aludiu á “durísima crise” que tamén afecta ás empresas xornalísticas, garantindo ao mesmo tempo o compromiso do Goberno galego co sistema xornalístico galego.

Cabaleiro fixo un repaso polos principais retos na actualidade, como a implantación da TDT, que segundo el “conlevará un cambio histórico”, ou o concurso de adxudicación de frecuencias de radio, co obxectivo de conseguir “ordenar dunha vez o sector”.

Así mesmo, avanzou que a Xunta traballa nas leis de publicidade institucional, unha nova para o sector audiovisual e a reforma da CRTVG, comprometéndose ademais a que os textos sexan presentados ás asociacións profesionais e á procura dun consenso coas forzas políticas.
Finalmente, o presidente da APG, Arturo Maneiro, subliñou o importante papel que Martín Ferrand xogou na promoción de iniciativas empresariais que “deron traballo a moitos xornalistas” e destacou tamén o prestixio consolidado do Premio Diego Bernal, que este ano acadou a súa décimo quinta edición.