Perfecto Conde recibiu o premio Diego Bernal 2009 pola súa “dilatada traxectoria informativa” apgadmin Febreiro 24, 2009

Perfecto Conde recibiu o premio Diego Bernal 2009 pola súa “dilatada traxectoria informativa”

Perfecto Conde recibiu hoxe o premio Diego Bernal 2009 de xornalismo, instituído pola Asociación de Xornalistas de Galicia (APG), pola súa “dilatada traxectoria informativa en distintos medios de Galicia e de España”. Numerosos compañeiros de profesión asistiron ao evento, que tivo lugar no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, en coincidencia co patrón do gremio, San Francisco de Sales. O acto foi presentado polo presidente da APG, Arturo Maneiro.

O xornalista Juan López Rico realizou a laudatio de Perfecto Conde, que se xubilou recentemente. Ademais de ensalzar a súa longa andaina profesional, destacou a diversidade de medios nos que traballou e alabou o rigor e a calidade dos que fixo gala en todo momento.

Na súa intervención, Conde agradeceu o premio -que considerou inmerecido-, e lembrou ás persoas que lle axudaron dende os seus inicios profesionais. Rememorou especialmente a figura de Borobó e tamén dedicou unha emocionada lembranza ao propio Diego Bernal, que dá nome a este galardón.

Con motivo do patrón dos xornalistas, o arcebispo compostelán dirixiu unha carta aos profesionais da comunicación, a quen lles dixo que “unhas veces máis explícitamente, e outras lendo entre liñas,” imitan a San Francisco de Sales no servizo á verdade mesma “que é Xesucristo”.