Gerardo González Martín recolleu o Bernal 2008 tras case medio século de exercicio do xornalismo apgadmin Febreiro 24, 2008

Gerardo González Martín recolleu o Bernal 2008 tras case medio século de exercicio do xornalismo

O xornalista Gerardo González Martín recolleu en Santiago o Premio Diego Bernal 2008, tras case medio século de exercicio profesional. Ao acto asistiu unha nutrida representación dos medios de comunicación galegos, para celebrar tamén o patrón dos xornalistas, en recoñecemento dunha “dilatada traxectoria profesional”, tal e como destacou o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado.

O premiado afirmou que foron case 50 anos de desempeño dunha tarefa que lle fixo “feliz”, malia que recoñeceu que o tería sido máis se os directores dos medios “non esqueceran a orientación social das súas empresas, que non son so para gañar cartos”, e non existise “tanta precariedade laboral entre os seus colegas novos”.

No seu discurso, González Martín resaltou a figura de Manuel Cerezales, quen fora director de Faro de Vigo, do que aprendeu, dixo, “a honradez e o sentido da independencia”, se ben engadiu que “ninguén é tan independente como quixera”.

O galardón, que carece de dotación económica, consiste no recoñecemento de toda unha traxectoria no eido da comunicación e na entrega dunha obra de orfebrería compostelá. En edicins anteriores, o Premio Diego Bernal recaeu en Augusto Assía, Pedro de Llano, Manuel Fernández Areal, Florencio Aldrey, Camilo José Cela, el colectivo de periodistas vascos, Santiago Rey, Juan Ramón Díaz, José Manuel Rey Novoa, Alfonso Sánchez Izquierdo, Ángel Botana e Blanca García Montenegro.