Branca García Montenegro recibiu o Bernal 2007 polos seus “constantes esforzos para crear e manter medios de comunicación” apgadmin Febreiro 24, 2007

Branca García Montenegro recibiu o Bernal 2007 polos seus “constantes esforzos para crear e manter medios de comunicación”

“É unha honra e un motivo de satisfacción como editora de prensa que sexan os profesionais do sector” os que concedesen o Premio Diego Bernal, porque “creo que non se pode pedir recoñecemento maior”. Con estas palabras, Branca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso, agradecía á Asociación de Periodistas de Galicia a entrega deste galardón, no marco dun xantar que se celebrou en Santiago de Compostela, coincidindo co patrón dos xornalistas.

O presidente da APG, Arturo Maneiro, explicou que a premiada era merecedora de tal recoñecemento “polos seus constantes esforzos na creación de medios de comunicación, propiciando que os xornalistas poidan exercer o seu traballo de información á sociedade”.

Con todo, foi o profesional de RTVE, Jenaro Castro, na súa laudatio, o que explicou a fondo os motivos que levaron á APG a outorgarlle tal galardón. Castro referiuse a García Montenegro como unha persoa “acostumada a mandar con mesura e a escoitar máis palabras de agrado que críticas”. Dese xeito, no profesional, destacou o éxito do Grupo El Progreso, porque “a vontade de expansión é a esencia do xornalismo, e Blanca lévao a machada”, como demostra a vertebración do grupo, que xa conta con El Progreso, el Diario de Pontevedra, AGN, Nova + o LV, entre outros, segundo citou o xornalista.

Na parte persoal, Castro referiuse á presidenta do grupo como unha persoa “seria, dulce e sinceira, o que representa o ADN da muller galega por excelencia”. Diferenciou ambos aspectos, o profesional e o persoal, tamén ao referirse á galardoada como merecedora deste premio, pois “non é que sexa merecido, senón obrigado, polo que representa Blanca García Montenegro na Galicia de hoxe, de onte e de mañá, como persoa e empresaria”, capaz de plasmar “credibilidade e rigor máis aló da situación política e social”, como “unha aposta decidida e sinceira por Galicia”.

Recurrindo aos discursos políticos, Castro colocouse no papel de figuras da política estatal, para dicir que, para Zapatero, “Blanca é a necesaria cota feminina nun mundo de homes”, mentres que para Rajoy representaría a “solvencia dunha persoa tenaz que trunfa como empresaria e non por ser muller”, e para Carod Rovira, sería “moito máis que unha nación, unha persoa que merece ser premiada e mimada pola súa contribución á saúde democrática e mediática”.

A galardoada agradeceu os eloxios de Castro, ao considerar que as súas palabras “están ditas cos ollos e o corazón dun amigo”, e tamén “o recoñecemento cara a miña persoa” deste premio, “que eu prolongo e extendo cara á empresa que presido”.

O carácter familiar do Grupo El Progreso centrou boa parte da intervención de García Montegro, quen asegurou que “eu estou aquí porque creo na viabilidade da prensa escrita e a comunicación”, logo de recibir o premio, consistente nunha peza de orfebrería. Nesa liña, aludiu ao actual contexto de convulsión dun sector, no que a empresa familiar “é a auténtica garantía de viabilidade para un xornalismo que non sexa mera manufactura”. Por iso, manifestou a súa “convicción e vocación” de continuar neste camiño, porque “somos e permanecemos en Galicia como empresa so de comunicación por persoal e libre decisión da familia”.

Ademais, augurou que “será posible celebrar un segundo centenario de El Progreso, o primeiro será o próximo ano, cun ou cunha Cora” ao fronte. E abogou por promover o idioma propio, polo que “traballaremos nesa dirección e apostaremos por medios de comunicación galegos e en galego”. A primeira decisión nese sentido xa viu a luz: “a aposta por un xornal de balde e en galego”, que se basou en algo máis que “criterios económicos”. Iso, explicou, é un dos exemplos de que “dende o Grupo El Progreso estamos dando pasos que demostran a saúde, fortaleza de futuro e o enraizamento real da empresa familiar de prensa”.

O director xeral de Comunicación da Xunta, Manuel Fernández, interviu neste acto, excusando a ausencia do secretario xeral, Fernando Salgado, que non puido asistir ao evento. Con todo, destacou o papel que nos últimos meses xoga o Grupo El Progreso, “que demostrou ser un dos grupos máis dinámicos” de Galicia. Baseou ese argumento na saida do xornal económico Nova +, unha aposta “polo xornalismo económico máis áxil e próximo” e do diario de balde “De Luns a Venres”, “o primeiro gratuito de información xeral en galego”.

A intervención de Manuel Fernández deu paso a un xantar no que se deron cita responsables de diferentes medios de comunicación galegos, así como Blanca de Cora, Antonio de Cora e Diego de Cora, fillos da premiada. Tamén, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o director da Axencia Galega de Noticias, José María Alvarez Vilabrille; Alfonso Rivero, director de De Luns a Venres; Lois Caeiro, director de El Progreso; Antón Galocha, director de Diario de Pontevedra; o director de El Correo Gallego, José Manuel Rey Nóvoa; o director xeral de Editorial La Capital, Juan Ramón Díaz; Ceferino de Blas, director xeral de Faro de Vigo; Paco Campos, ex director xeral de RTVG; Virgilio Costas, director de Radio Galega; e Celia Díaz, directora de Radio Nacional, entre outros.