Alfonso Sánchez Izquierdo recibiu o Premio Diego Bernal 2005 apgadmin Febreiro 24, 2005

Alfonso Sánchez Izquierdo recibiu o Premio Diego Bernal 2005

O presidente da APG eloxiou a “capacidade”, o “talante” e o “coñecemento profundo do mundo da información” do galardoado

Alfonso Sánchez Izquierdo, director do xornal La Región, recibiu o Premio Diego Bernal 2005 de mans do presidente da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), Arturo Maneiro, quen resaltou a traxectoria profesional do galardoado, vinculada case exclusivamente a ese grupo xornalístico (La Región), no que comezou a principios dos anos setenta como redactor, para pasar logo a redactor xefe e director adxunto do rotativo ourensán.
Maneiro lembrou que Sánchez Izquierdo asumiu a dirección nos oitenta, tra-la retirada de Alejandro Outeiriño e, posteriormente, a dirección xeral do grupo, no que están integrados a axencia de información xeral Imagen Press, AGN, Atlántico Diario ou o semanario Arco Atlántico.
O presidente da APG destacou a “capacidade” e o “talante” do premiado, así como “o seu coñecemento do mundo da información, que agora traslada tamén aos futuros profesionais a través da docencia na Facultade de Ciencias da Información en Santiago”.
A laudatio ao galardoado correu a cargo do xornalista e directivo da APG Fernando González Macías, que nos seus inicios profesionais traballou ás ordes de Sánchez Izquierdo no xornal La Región, o que lle dá -afirmou- “un coñecemento moi próximo ao profesional e á persoa que está detrás”.
González Macías subliñou na súa intervención a “capacidade analítica” de Sánchez Izquierdo e “a súa preocupación constante polos avances e as tendencias da profesión, que lle levaron a abandeirar iniciativas de vangarda promovidas por La Región nas máis de tres décadas que leva na primeira liña”.
Resaltou ademais que, “malia ter chegado moi novo aos postos de responsabilidade e a dedicación que esixen, Sánchez Izquierdo preocupouse por manter a proximidade coa redacción, á que alentaba e animaba sempre a facer o mellor, en prol da superación persoal constante”. “De feito”, concluiu, “ao seu carón forxáronse moitos novos valores, que logo voaron e voan alto na profesión en tódolos ámbitos”.

Sánchez Izquierdo: “A contribución dos medios ao equilibrio e ao progreso social seguirá sendo imprescindible”
Na súa alocución, o Premio Diego Bernal 2005 agradeceu á APG a concesión deste galardón que leva o nome “dun recoñecido profesional e amigo, referente para quen nos dedicamos a esta profesión” e que, ademais, sitúalle no selecto grupo de xornalistas e comunicadores galardoados dende a súa creación.
Valorou así mesmo con verbo sentido o “xeneroso panexírico” trazado por González Macías, que considerou “máis un froito da xenerosidade e o afecto forxado ao longo dos anos, que dos méritos que poida atesourar o premiado”.
Sánchez Izquierdo puxo en valor o labor fundamental dos medios de comunicación nas sociedades modernas e, específicamente, “o papel desempeñado por estes na Transición española do franquismo á democracia”. E apuntou os cambios xerados a partir da evolución e a chegada das novas tecnoloxías, nas últimas décadas, aventurando que se aveciñan movementos todavía maiores. “Malia a nosa contribución ao equilibrio e ao progreso social seguirá sendo imprescindible”, sentenciou. O premiado rematou a súa intervención cun último agradecemento dedicado á “notabilísima presenza de compañeiros e amigos dos medios galegos”, desexando longa vida á Asociación de Periodistas de Galicia e aos premios Diego Bernal.

O encargado de pechar o acto, ao que acudiron un centenar de profesionais e que contou tamén coa presenza do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, foi o director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Francisco Campos, que calificou a Sánchez Izquierdo como “un dos máis brilantes xornalistas de Galicia nos últimos 30 anos”.

A APG decidiu outorgar este ano o premio a Sánchez Izquierdo “polo seu labor e esforzo ao fronte dun medio de comunicación que permite o exercicio da profesión a moitos xornalistas galegos”.

A entrega do Premio Diego Bernal tivo lugar nun xantar no hotel Puerta del Camino, en Santiago, que coincidiu coa celebración do patrono dos xornalistas, San Francisco de Sales, e serviu tamén para levar a cabo a presentación dun libro-homenaxe que recolle as biografías dos galardoados co Bernal nos últimos dez anos, e o segundo número da revista da APG, Comunica.