Conclusións III Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero apgadmin noviembre 26, 1996

Conclusións III Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero

CONCLUSIÓNS III CONGRESO MEDIOS DE COMUNICACIÓN E IGUALDADE (APG)

O Congreso “Igualdade de xénero: clave para un desenvolvemento sostible e a eliminación da violencia” analizou, nesta xornada, o peso que teñen os medios de comunicación e os xornalistas na creación dunha conciencia social sobre o obxectivo de acadar unha igualdade plena de dereitos entre homes e mulleres, e na loita contra a violencia de xénero.

A conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta, María Jesús Lorenzana, puxo o acento na formación e sensibilización dos profesionais da comunicación para acadar esa imaxe igualitaria, ademáis da importancia de contar coa complicidade dos xornalistas e as persoas dedicadas á publicidade. Nese senso, dixo, “a ruptura do silencio, axuda a romper coa impunidade e a crear conciencia”.

Outro dos comúns denominadores do Congreso foi a preocupación pola violencia dixital, unha das manifestacións actuais e máis graves, neste momento, da violencia de xénero. Así, a vicesecretaria xeral da Comisión europea, Elisabeth Werner, referíuse a ese fenómeno, anunciou unha Directiva -en breve- da Comisión para asegurarse de que os estados da UE adoptan medidas contra a violencia de xénero, o desenvolvemento dunha rede para o intercambio de boas prácticas e unha campaña de comunicación centrada na mocidade de ámbito internacional.

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón tamén chamou a atención sobre a violencia machista “de novo cuño”, a violencia dixital, que observa como algo moi difícil de ataxar, e mesmo ás veces, de que a lo menos, aflore. “Non podemos facer gran cousa contra iso agás denunciar”, dixo a maxistrada a última hora da mañá. E pedíulle aos poderes públicos que despreguen todos os recursos necesarios para protexer e axudar ás vítimas de violencia de xénero.

Case todas as intervencións do Congreso referiron tamén a importancia do eido educativo como instrumento fundamental no avance cará á plena igualdade e para a construcción dunha sociedade de homes e mulleres libres. A profesora da Universitat Oberta de Catalunya e xornalista Ana Bernal afirmou que, debido a unha carencia formativa, “a sociedade non sabe de xénero”.

Bernal realizou unha intensa exposición na que revelou alarmantes datos do Barómetro da Xuventude e Xénero de 2021, como por exemplo, que o 20% dos mozos varóns cré que a violencia de xénero non existe, ou que esa cifra duplique á rexistrada hai só catro anos; desmontou o pensamento negacionista da violencia de xénero -analizando punto por punto algúns dos argumentos sobre os que se apoia-, que segundo ela está artellado en bulos e argumentos falaces. E reclamou medidas máis contundentes para evitar os contidos sexistas nas canles de televisión.

Como sempre, e como destacou na súa intervención na apertura a presidenta da APG, María Méndez, a achega dos xornalistas que participaron no Congreso en representación dos seus medios de comunicación -e coas súas opinións persoais- construíron gran parte do relato final deste encontro.

Os ponentes do panel de medios escritos distinguiron entre a información dun medio serio, tradicional, e a que trasladan as redes, que segundo eles “só embarran o terreo de xogo”. “Somos pesimistas”, dixeron, “porque moitos mozos só se informan a través das redes sociais” e, polo tanto, hai que actuar ahí. Cren tamén que os medios visibilizan máis, agora, a violencia machista –“aínda que queda moito por avanzar”-, o que se producíu sobre todo a partir da Lei do Divorcio. Resaltaron ademáis a importancia das denuncias nos casos de violencia, porque “o machismo non é só dos homes”, senóin de toda a sociedade. E pediron que se audite cualitativamente o tratamento da violencia de xénero e a quen se dirixen os medios.

Estas son as conclusións do Congreso “Igualdade de xénero: clave para un desenvolvemento sostible e a eliminación da violencia”:

• É imprescindible que se afonde no traballo de formación e sensibilización dos profesionais da información e da publicidade no referido á violencia de xénero e á igualdade.

• Bótase en falta un maior esforzo na formación en igualdade dos máis novos nos centros educativos en todos os niveis e no eido familiar.

• Debemos eliminar os conceptos e termos xa superados que sitúan ás mulleres en segundo plano. A linguaxe non é inocente: depende de como se empregue.

• O uso de estereotipos e prexuízos no labor informativo, cando se fala de igualdade e violencia, non favorece o avance para acadar a igualdade plena

• É necesario evitar argumentos falaces e negacionistas da violencia de xénero á hora de elaborar novas e informacións relacionadas con ese ámbito.

• Os medios tradicionais non estamos chegando a un sector importante da poboación que só consume redes sociais, nomeadamente a mocidade. A batalla do futuro en materia de comunicación está nas redes sociais.

• Sería aconsellable adoptar medidas máis contundentes para evitar os contidos sexistas nas canles de televisión.

• Percibimos un avance en moitos medios de comunicación, que xa contan con protocolos e códigos de boas prácticas para favorecer a igualdade nos contidos.

• Os medios manteñen a súa resposabilidade en canto a igualdade, pero asumen parte da súa influencia na sociedade, dada á súa próximadade á audiencia.

• Os profesionais dos medios dixitais recoñecen o seu peso informativo, posto que na actualidade son os que deixan as primeiras pegadas das noticias nos cidadáns.

• As redes sociais non deberían ser as únicas fontes nas que beban os xornalistas cando preparan información relacionadas con violencia de xénero.

• Obsérvase que algunhas novas formas de violencia de xénero, como a dixital, son extremadamente difíciles de detectar, polo que se pide un esforzo adicional nese eido.

• Os medios non teñen a culpa da existencia de situacións de desigualdade na sociedade, aínda que os xornalistas si recoñecen que a súa influencia e notable.

• A inmediatez non pode ser allea ás formas e ao rigor. “Os avances rexistrados non poden tapar os problemas; e os problemas non poden tapar os avances”.

• Consideramos importante actuar coa maior profesionalidade posible para ser precisos nas mensaxes que favorezan a igualdade.

• Que haxa mulleres nunha redacción non garante a perspectiva feminista, pero fai máis doado que se afonde na linguaxe igualitaria.

• Os comunicadores debemos darlle ás costas á violencia de xénero, aínda que en ocasións non sexa doado identificala.

• Debemos desmontar a mensaxe negacionista da violencia de xénero e non lexitimar bulos ou argumentos falaces.

• Apréciase estatísticamente un descenso das mulleres como fontes de información e opinadoras. As causas poderían ser a carencia de políticas de conciliación que lles permitan incorporarse a eses ámbitos de actuación.

• Aínda que moitos medios teñen implementadas normas e códigos tendentes a favorecer a igualdade nos contidos (nomeadamente as cabeceiras máis importantes e as televisións públicas), bótase en falta esta práxis na meirande parte dos Medios.

• Proposta dun Observatorio alleo aos Medios, que poida valorar con independencia aos contidos divulgados, co fin de analizar e promover un tratamento tendente a dotar de perspectiva de xénero a elaboración das informacións.

• Alertamos sobre a perigosidade que conlevan as novas formas de violencia de xénero, nomeadamente a violencia dixital a través das redes sociais.

• A igualdade debe comezar polos niveis educativos iniciais para poder acadar mensaxes que fomenten a igualdade.

• É necesario revisar todas aquelas iniciativas que se están desenvolvendo en materia de igualdade, xa que a mensaxe non está calando nas novas xeracións.

• Advírtese a necesidade dunha maior rigurosidade e investigación das información relacionadas coa violencia de xénero.

• É preciso dar máis visibilidade aos contidos referidos á trata de mulleres como violencia machista e explotación sexual, que non aparecen como tal en moitas información dos Medios.

• Apréciase unha importante evolución na dinámica dos Medios de Comunicación á hora de avanzar na consecución da igualdade de xénero. Pero segue a ser necesario continuar coa aposta para acadala na súa totalidade.

• As achegas dos profesionais e Medios de Comunicación da nosa comunidade rebélanse ano tras ano como fundamentais na reflexión e posta en común dos avances, carencias e necesidades nesta materia.

• Unha vez máis constátase que a loita contra a violencia de xénero e en prol da igualdade non é un problema específico dos homes, senón de toda a sociedade

• Concordancia plena na necesidade de realizar foros para reflexionar sobre a influencia dos Medios. Xéranse moitas plataformas, pero seguen sendo escasas as que teñen en conta que os Medios son esenciais á hora de configurar opinión favorable á consecución da igualdade.